InicioCULTURAOlladas doutro tempo: Porta do Parrote

Olladas doutro tempo: Porta do Parrote

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Marea baixa, restos de algas sobre a area da praia e fronte a nós, unha fermosa porta con tres impoñentes escudos labrados na pedra da muralla e unha cruz coroando o conxunto. Ó fondo, o Pazo de Capitanía, sede da máxima autoridade do Reino de Galicia. En 1926 a vista desta porta aínda impoñía certo respeto, pero hoxe en día semella estar agochada e totalmente fóra de contexto. A praia do Parrote xa non existe, e no mesmo lugar pisaríamos un camiño de cemento limitado por un valado, mentres un enorme hotel de cinco estrelas e as súas instalacións deportivas non nos permiten ver o mar.

A Porta do Parrote é unha das tres Portas do Mar, xunto coa veciña Porta do Cravo e a máis antiga Porta de San Miguel ou do embarcadoiro. As tres forman parte dun proxecto de reforma das murallas da cidade, necesario tralo ataque inglés de 1589. Éste deixou en evidencia que a cidade chamada Garda e Chave do Reino de Galiciadispoñía dunhas defensas obsoletas e ineficaces. Felipe II enviaría ata aquí ó enxeñeiro militar Tiburcio Spanochi, encargado de estudar detidamente o terreo e propoñer un sistema defensivo global, acorde co estatus da cidade. A maior parte dese proxecto non pasaría dos debuxos. Pero comezaríase a construír unha segunda liña de muralla raiando o mar, por fóra do trazado medieval, protexendo a Real Maestranza de Artillería, hoxe Rectorado da Universidade, e seguindo polo borde rochoso sobre os cantís, ata a praia do Parrote. O primeiro tramo, coa Porta de San Miguel, remataríase en 1597. Pero unha vez esgotado o orzamento inicial, as obras detivéronse varias décadas. Non sería ata 1676 cando estarían rematadas tanto a muralla coma as portas que pechaban a praia. No século seguinte engadiríaselle unha rampa para embarcadorio, hoxe desaparecida, pero que podemos observar os seus restos na fotografía.

Moitos temos escoitado chamarlle porta da Cruz, ou porta de Carlos V. Pero este Carlos  -o I de España e o V de Alemaña- nunca pisou os seus chanzos, xa que a súa construción non se levaría a cabo ata o reinado do seu tataraneto, Carlos II.  Carlos I puido pasar pola máis antiga e hoxe desaparecida Porta do Perrote, que estaría xunto o edificio de Capitanía, na liña medieval da muralla.

A praia do Parrote desapareceu progresivamente a meiados do século XX, recheándose esta zona costeira en pos da modernidade. En 1941 construiuse a primeira piscina da cidade, no 48 ergueuse o Hotel Finisterre, e finalmente a ampliación das instalacións da Solana no 68 borrou o último anaco de praia que quedaba. Todas estas construcións modernas irán ocultando as antigas defensas, que perderán presenza encaixadas entre o tráfico por riba e as piscinas, pistas de pádel e ximnasios por abaixo.

Todo isto aínda non ocorrera cando Ruth Matilda Anderson tomou a instantánea a pé de praia. A estadounidense era a fotógrafa da Hispanic Society of America, e como tal percorreu diversas rexións españolas en varias ocasións, documentando cidades, aldeas, paisaxes, xentes, vida cotiá… Inmortalizou a Galicia dos anos 20 con máis de 5000 intantáneas, que compoñen o traballo etnogáfico máis importante sobre a nosa terra. Tomou fotografías extraordinarias, cheas de forza, coma este plano lixeiramente contrapicado que consegue resaltar a grandeza decadente desta antiga porta da cidade.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “ A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

O Día do Libro celébrase co 150 aniversario de Picadillo, o gran supervendas da cociña

Vai coñecendo a xente da Coruña, e de Arteixo, a historia Manuel Puga y...

Convocan unha concentración no Foro Económico para esixir a titularidade pública dos peiraos de San Diego e Petroleiro

O colectivo Defensa do Común, que aínda onte lideraba un escrito asinado por 30...

Galician Beats, o catálogo da música electrónica galega da última década

O estado de saúde da música galega contemporánea é o mellor é décadas. Diso...

O Goberno local levará ao próximo pleno o procedemento para reclamar a titularidade da Casa Cornide

Coa presión da oposición e mesmo da Xunta, o Goberno local dá un paso...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here